A pasada fin de semana, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolleu con gran éxito a 111 e 112 Exposición Nacional Canina, así como a 50 Exposición Internacional Canina e as probas de Agility, que foron selectivas para o campionato do mundo. O evento contou cunha gran participación e cunha afluencia de público que rozou os niveis do mellor ano ata a data.
Destacou Rubén López, xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, que foi unha fin de semana «moi exitosa, sobre todo porque houbo moitísimo público. A participación rozou a cantidade do mellor ano, con case 1.600 cans entre os dous días e os dous certames». Ademais, resaltou a extraordinaria calidade das probas de Agility, que contaron coa presenza de equipos de toda España e Portugal, así como a sorpresa de recibir criadores ingleses na exposición de beleza, o que reforza a consolidación e o crecemento do evento.
Dende a organización mostraron a súa satisfacción coa edición deste ano, que marca o inicio do calendario de competicións da Federación e Sociedade Canina Galega e Española, asegurando que xa se está traballando con moita ilusión na edición de 2026.
Melloras organizativas e loxísticas
Un dos aspectos mellor valorados polos participantes e asistentes foi a organización, que, en palabras de Rubén López, «estamos moi contentos en canto á satisfacción xeral, aínda que sempre hai marxe de mellora e seguiremos traballando para superarnos».
Este ano púxose un especial énfase na mellora da hostalería, cunha oferta detallada e adaptada ás necesidades dos asistentes. A loxística tamén foi optimizada, garantindo servizos de aparcadoiro, limpeza e seguridade que recibiron unha alta valoración por parte do público: «O esforzo nestes aspectos foi clave para o éxito do evento», apuntou López. Ademáis, a secretaría e a xestión do evento «foron impecables, logrando un desenvolvemento sen incidencias, o cal, nun evento desta magnitude, é un gran logro».
Afluencia de público e repercusión
O evento atraeu a unha gran cantidade de público durante toda a fin de semana, con momentos de «case cheo» en diferentes momentos, o que demostra o crecente interese neste tipo de eventos. «Isto incide non só na importancia do evento para os participantes, senón tamén no interese do público», comentou o xerente do Pazo.
Con este balance tan positivo, a Exposición Nacional Canina de Lugo consolídase como unha das citas máis destacadas do calendario canino nacional e internacional, reafirmando a súa posición como evento de referencia para criadores, adestradores e afeccionados.
Próximas edicións
O Pazo de Feiras e Congresos xa está traballando na próxima edición, co obxectivo de seguir mellorando e ofrecer un evento aínda máis completo. «Estamos moi ilusionados e con moitas ganas de traballar para a edición de 2026», concluíu Rubén López.