Expolugo A Rural 2026

Os días 10 e 11 de outubro, Expolugo A Rural regresa ao centro da cidade para reencontrarse co espírito das feiras de gando que durante tantos anos formaron parte da historia de Lugo.

A carpa situada xunto ao Vello Cárcere reunirá unha ampla representación das razas presentes no rural galego: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa, Rubia Galega, Ovella Galega, Cabra Galega, Porco Celta, Galiña de Mos, Pura Raza Galega ou Can de Palleiro, entre outras. A mostra completarase cunha exposición de maquinaria clásica que permitirá achegarse tamén á memoria do traballo no campo.

A carpa poderá visitarse o sábado de 10:30 a 20:00 horas e o domingo de 11:00 a 14:30 horas. A entrada será de balde.

Un sábado para coñecer os retos do sector

A programación comezará o sábado ás 10:00 horas na Sala Río Miño do Pazo de Feiras cunha xornada técnica arredor da agricultura, a gandaría e a sanidade animal.

Marcos Vázquez, responsable de promoción en CRAEGA, abrirá o encontro cun relatorio sobre as oportunidades da agricultura ecolóxica. A continuación presentarase o Proxecto de Testaxe de Machos e darase a coñecer GO PREVINOVIC, unha iniciativa que analiza o papel da gandaría extensiva ovina e caprina no control e na prevención dos incendios.

A mañá continuará abordando a situación da lingua azul, a vacinación e as visitas zoosanitarias nas explotacións de pequenos ruminantes. Ás 12:30 horas celebrarase a asemblea de ADSG.

Unha degustación para pechar a mañá

Ás 13:00 horas, a actividade trasladarase ao carón do Vello Cárcere cunha degustación de produtos procedentes das razas autóctonas de Galicia, dispoñible ata fin de existencias.

Na exposición participan a Federación de Razas Autóctonas de Galicia BOAGA, ASOPORCEL, AVIMÓS, OVICA, PURAGA, o Club Raza Can de Palleiro e ACRUGA. A mostra de maquinaria clásica chega da man de MUVICLA.

Expolugo A Rural volve situar o campo no corazón das festas do San Froilán e achega á cidade as persoas, os animais e o traballo que manteñen vivo o noso rural.

Datas: 10 e 11 de outubro de 2026
Lugar: Sala Río Miño do Pazo de Feiras e Congresos e carpa xunto ao Vello Cárcere
Entrada: de balde
Máis información: 982 285 200

Detalles Evento
  • Días
    Horas
    Min
    Sec
  • F. inicio
    10 octubre, 2026
  • F. fin
    11 octubre, 2026
  • Categoría