Equigal volve ao Pazo de Feiras de Lugo

O Salón Internacional do Cabalo de Galicia contará con máis de 300 exemplares de pura raza galega, árabe e española. Todas as probas serán retransmitidas en streming e en directo a través da canle de youtube Ferias Lugo

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolle durante os próximos tres fins de semana Equigal 2020, a decimoterceira edición do Salón  nternacional do Cabalo de Galicia, que abrirá as súas portas o vindeiro 25 de setembro. Ata o 27 deste mes, os días 3 e 4, e do 9 ao 12 de outubro, este pazo será o escenario polo que pasarán máis de 300 exemplares, os mellores de raza árabe, galega e española. Durante estes días haberá  concursos morfolóxicos das distintas razas, probas de enganche, concurso de salto de obstáculos e unha competición de raid, unha gran variedade de actividades e probas deportivas, que supuxeron a ampliación a tres fins de semana desta edición de Equigal. A outra gran novidade deste ano é que, debido á Covid-19 e por motivos de seguridade e prevención, Equigal non estará aberto ao público, aínda que si se poderá seguir en directo a través de streaming na canle de youtube Feiras Lugo.

Para o próximo fin de semana, está prevista a celebración do concurso morfolóxico de pura raza española, e de pura raza galega ademais dunha exhibición de doma clásica. O plato forte do seguinte fin de semana, os días 3 e 4 de outubro, será o concurso morfolóxico de pura raza árabe, puntuable para o Campionato de España, xunto á celebración dunha proba de enganches. O Concurso Nacional de Salto de Obstáculos de dúas estrelas será, por outra banda, a principal competición prevista no programa do último fin de semana de Equigal. Así, do 9 ao 11 de outubro poderase seguir a citada competición, ademais de asistir o día 12 ao Campionato Galego de Raid, unha proba puntuable para o circuito  internacional de raid. A celebración desta competición aínda esta por pechar, e no caso de levarse a cabo será outra das grandes novidades deste ano.

No acto de presentación, celebrado hoxe na Deputación de Lugo, estiveron presentes a Deputada de Turismo, Pilar García Porto; o concelleiro de Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero; o presidente da Federación Hípica
Gallega, Federico Pérez-Lago; e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López.

Este último explicou que coa celebración deste evento, "O Pazo de Feiras segue traballando a favor da provincia de Lugo, e Equigal suporá un retorno económico de máis de tres millóns de euros, nunha cita na que haberá máis de 300 exemplares e unhas 100 gandarías". Tamén fixo referencia a este aspecto a deputada de Turismo, Pilar García Porto, quen chamou a atención sobre a traxectoria deste evento, xa consolidado, e co que podemos constatar que conseguimos dinamizar a economía da provincia a través do sector da gandaría cabalar, pero tamén mediante o lecer e o deporte.

Xunto á organización do Pazo de Feiras e Congresos, colaboran na realización deste evento referente do sector ecuestre na provincia, a Deputación de Lugo; O Concello de Lugo; A Xunta de Galicia; a Federación Galega de Hípica; a Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE); Canteras Zoqueiro C.B.;Lucus PRA Gemelos; Macrocopia; Gadis; Pavo; Talleres Lusitano;Nuevos Jardines; Hotel Santiago Spa; Rof Codina; Millares Torrón SL e El Progreso.