
Este 31 de marzo e 1 de abril de 2026, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo transfórmase nun parque de diversións xigante para acoller HinchaLugo.
Preparamos un espazo lúdico incrible con máis de 30 atraccións inchables adaptadas a diferentes idades. Haberá de todo: dende tobogáns xigantes ata circuítos, zonas de multiaventura, elementos para a práctica deportiva e atraccións interactivas. O obxectivo é que os nenos e nenas xoguen, fagan exercicio e, sobre todo, o pasen en grande.
Toma nota dos datos:
- Datas: Martes 31 de marzo e mércores 1 de abril de 2026.
- Horario: De 16:30 a 19:30 horas (tres horas sen parar de saltar!).
- Lugar: Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
- Entrada: 6 € por cada xornada.
Un plan accesible para familias e AMPAS
HinchaLugo é unha iniciativa inclusiva e accesible, aberta non só á cativada da cidade, senón tamén a todos os veciños dos concellos limítrofes e de toda a provincia. De feito, é unha opción marabillosa para que as AMPAS atopen unha alternativa atractiva para organizar actividades colectivas durante estes días de parón escolar.
Este gran evento infantil e para toda a familia, que busca dinamizar a nosa cidade na Semana Santa, está organizado pola federación de asociacións veciñais Lugo Rural Importa, co desenvolvemento da empresa de animación Total Sport, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia para seguir reforzando a oferta de lecer familiar na nosa contorna.
Preparados para saltar?

